Solicitamos o seu permiso para obter datos estatísticos da súa navegación nesta web, en cumprimento do Real  Decreto-Lei 13/2012.

Se continúa navegando consideramos que acepta o uso de cookies

ries pontevedraO pasado xoves 19 de outubro, celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da cidade de Pontevedra as Xornadas de Grupos de Investigación da Rede RIES, Investigación e Divulgación Científica, das que se fixo eco o Diario da Universidade de Vigo. A continuación a reseña do citado diario:

Fonte da noticia: Eduardo Muñiz, Diario da Universidade 

Integrada por sete grupos de investigación das tres universidades galegas, que teñen como nexo común o traballo no eido da inclusión social, a Rede RIES (Rede de Inmigración, Educación e Sociedade) realizou un estudo bibliométrico sobre a investigación educativa feita en Galicia entre 2012 e 2014. Unha das principais conclusións daquel “amplo traballo” foi, como salienta a súa coordinadora, María del Mar Lorenzo, “que os investigadores e investigadoras tiñamos que facer un maior esforzo por difundir o noso traballo dunha forma moito máis axeitada”. Achegarlles diferentes ferramentas e dinámicas para divulgar os seus traballos é o principal obxectivo das Xornadas de Investigación da Rede RIES, que este xoves se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 


“No ámbito das ciencias naturais, a divulgación científica vese como algo que forma parte da vida diaria dos investigadores e investigadoras, pero no das ciencias sociais e das humanidades non temos ese hábito de dar importancia a poñer en coñecemento público, tanto no ámbito divulgativo como no científico, as conclusións dos nosos proxectos”, sinalou a profesora Margarita Pino, presidenta do comité organizador deste seminario promovido polo grupo GIES-10 da facultade. A diferencia de eidos como a medicina, onde os avances incorpóranse a práctica clínica de xeito continuo, no ámbito educativo “os resultados dunha investigación non chegan ao ámbito práctico do ensino ata dentro de dez ou vinte anos”, lamentou a coordinadora deste grupo na inauguración das xornadas, que contaron coa participación do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, a vicerreitora de Investigación e Internacionalización da UNED, Esther Souto, e o decano da facultade, Vicente Romo.

“Como Universidade e como PDI, tempos a débeda de comunicar o que facemos, de devolverlle a sociedade un traballo que moitas veces non se visibiliza”, salientou nese mesmo senso Corbacho, quen salientou o labor de Pino do secretario do comité organizador, Jorge Soto, no impulso de “iniciativas que apoiamos decididamente desde o campus”. Dirixidas fundamentalmente a persoal investigador, o programa destas xornadas abrangue relatorios sobre o impacto social da investigación, a súa comunicación en proxectos europeos e as políticas para mellorar a calidade das publicacións, xunto cun obradoiro de creación e xestión do perfil investigador.

Investigación e innovación responsable

O impacto social do labor investigador foi analizado, no primeiro relatorio, pola vicerreitora da UNED, quen defendeu que a universidade debe “saír o mundo” e contribuír á que “a sociedade entenda que é o que estamos facendo”. Pero máis aló da divulgación, Souto centrou a súa análise na chamada “investigación e innovación responsable” (RRP), termo que define a unha serie de proxectos e liñas de traballo que parten da pregunta de “se o que estamos investigando ten valor para a sociedade”. Nese senso, Souto apuntou ás ciencias sociais e xurídicas e as humanidades, como áreas cun “impacto cada vez maior” dado que, “a nosa sociedade necesita reformas”, que virán precisamente da man da investigación. “É importante investigar, pero tamén é importante que ao que investigamos chegue á sociedade, se o deixamos no noso despacho ou simplemente nun artigo nunha revista, non serve de nada”, concluíu.

A inclusión como denominador común

Educación, inmigración, competencias lingüísticas, inserción laboral, psicoloxía educativa ou o uso das TIC no ensino son algúns dos eixos de traballo dos sete grupos que integran RIES, “que traballamos en liñas complementarias, que conflúen no tema básico da inclusión”, explica Lorenzo dunha rede creada hai preto de dez anos e que conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. ESCULCA, TECNOEDUC, GEFIL, Gramática do Español e DIOEP, da USC; GIPED, da UDC; e GIES-10, por parte de Vigo, integran unha rede que ten entre os seus obxectivos “crear unha estrutura sólida de investigación, formación e internacionalización”, dando apoio aos diversos grupos e promovendo un traballo conxunto que “provoca que teñamos máis masa crítica e sexamos máis competitivos nas convocatorias de investigación”, como explica a súa coordinadora.