O grupo de investigación ESCULCA da USC estudará a efectividade de programas de educación non formal deseñados e activados durante os últimos anos en Galicia para a mocidade coa fin de marcar recomendacións que puideran ser de utilidade na toma de decisións e contribuír así a unha maior rendición de contas no espazo público.
A colaboración da USC coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado formalizouse este venres en San Xerome coa sinatura dun convenio entre o reitor Juan Viaño e a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, e ao que tamén asistiron o catedrático Miguel A. Santos Rego, director do traballo, e o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro.
En concreto, o estudo ‘Os programas de educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia’ centrarase nos programas Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil e Galeuropa. O primeiro diríxese a mozos e mozas de 18 a 30 anos organizados en asociacións ou entidades prestadoras de servizos á xuventude que fomenten a participación, a axeitada utilización do lecer e a calidade de vida e o benestar. O segundo programa desenvólvense en áreas relacionadas co Camiño de Santiago e temáticas referidas á cultura. Por último, Galeuropa é un programa de axudas á mocidade galega para estadías de prácticas formativas non remuneradas que se realizan en empresas de calquera estado ou país estranxeiro.
O estudo será dirixido polo profesor Santos Rego coa coordinación xeral da profesora Mar Lorenzo Moledo, que tentarán avaliar neste ano 2015 qué aptitudes interpersoais e competencias desenvolven os mozos e mozas que participan nos tres programas da Xunta e en qué medida contribúen á súa empregabilidade, á vez que investigarán o valor que as empresas lle outorgan a esas aptitudes.
Fonte da noticia: Xornal da USC