Na recente conferencia europea Digital Festival 2016, celebrada en Bruxelas o día 21 de xuño de 2016, organizada polo Forum Europe, o Comisario Europeo de Educación, Cultura e Deportes, Tibor Navracsics, mencionou como un dos exemplos destacados no fomento das vocacións tecnolóxicas entre as mozas o proxecto europeo ICT-Go-Girls! na súa intervención no panel "People and Tech”, centrado en explorar as habilidades dixitais en Europa e o rol presente e futuro das mulleres no sector TIC.
O proxecto educativo ICT-Go-Girls! Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls through ICT, é un innovador proxecto Comenius Multilateral dirixido pola área de e-learning do CESGA, e no que participou o Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con outras cinco institucións europeas: Die Berater e Universidade do Danubio (Austria), Fraunhoffer IAO (Alemaña), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), e CVO Antwerpen (Bélxica).
A través deste proxecto o equipo da USC liderado polas profesoras Beatriz Cebreiro e Carmen Fdez. Morante desenvolveu unha metodoloxía educativa para levar a cabo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria que permite traballar dunha maneira máis motivadora o TIC e lograr un maior interese e coñecemento na elección de carreiras tecnolóxicas por parte das alumnas de secundaria. Como ferramenta fundamental para o desenvolvemento desta metodoloxía, o CESGA deseñou e puxo en práctica unha contorna virtual social baseado en software libre a través do cal se testou a proposta. Ambos os recursos están dispoñibles para descarga desde a web do proxecto.
O Centro de Supercomputación de Galicia e a USC seguen promocionando e participando en accións para motivar a elección de carreiras tecnolóxicas entre as máis novas, a través, entre outras actividades, da organización anual do evento “Girls in ICT” no CESGA, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG, así como noutras iniciativas como a recente proposta "Unha enxeñeira ou científica en cada cole” en colaboración coa USC e o Concello de Santiago.
Para ter máis información do proxecto ICT-Go-Girls! e iniciativas relacionadas, pode visitar a súa páxina web www.ictgogirls.eu ou escribir a e-learning@cesga.es
(imaxe do comisario europeo tomada de http://ec.europa.eu/avservices/photo/photodetails.cfm?sitelang=en&ref=031995#1)