A "Federación Galega de Municipios e Provincias" (FEGAMP) é un organismo constituído polos 315 concellos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades menores existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
O funcionamento da fegamp como entidade defensora dos intereses da administración local galega aséntase, entre outros, nos seguintes principios xerais: o fomento e a defensa da autonomía das entidades locais; a promoción, representación e defensa dos intereses da administración local diante doutras administracións públicas; a promoción e o desenvolvemento da cultura e da lingua galega no ámbito municipal; a reivindicación ante os correspondentes poderes públicos de novas cotas competenciais para as entidades locais; o fomento da participación cidadá na vida local, e calquera outra acción que afecte ou incida de forma directa ou indirecta nos seus asociados ou na propia federación.