Solicitamos o seu permiso para obter datos estatísticos da súa navegación nesta web, en cumprimento do Real  Decreto-Lei 13/2012.

Se continúa navegando consideramos que acepta o uso de cookies

Informe sobre o estado da investigación educativa en Galicia (2002-2014)

ieginves.jpg

Como outros ámbitos de actividade científica e académica, a investigación nas ciencias sociais e, concretamente, nas da educación, estivo sempre envolta en polémicas e controversias, reflectindo certas filias e fobias epistémicas nos círculos de influencia universitaria, que teñen sido e son os que, de maneira máis notoria, intentan promover as ideas e os métodos que fagan posible o avance sistemático nesta gran área do coñecemento humano.

As discrepancias que referimos teñen a súa xenealoxía e a súa historia, actualizándose ao modo dialéctico en que as persoas e os grupos de investigación adoitan expresar a súas preferencias -máis ou menos disimuladas- por modelos e/ou paradigmas e, conseguintemente, deseños cuantitativos vs. cualitativos, á hora de identificar problemas e dispoñer a metodoloxía apropiada para desentrañar os seus secretos e propor as canles de solución oportunas, xa se trate de dificultades ou retos que afectan a individuos, a centros escolares, ou a outro tipo de escenarios educativos.

Aínda así, esa predilección é, con frecuencia, máis aparente que real, na medida en que abundan os recoñecementos (desde unha e outra atalaia de observación) dunha necesidade substantiva, a de triangular ou, si se prefire, fusionar modos de facer investigación educativa, baixo a premisa de que o funcionalmente importante é a calidade dos proxectos, o rigor co que se formulan e a pertinencia coa que se desenvolve a secuencia de indagación.

Tal situación é, en xeral, a que se foi debuxando no noso contorno sociocultural máis próximo, isto é, a investigación educativa que se vén realizando en Galicia, a miúdo dentro pero tamén fóra das súas universidades. E porque hai boa traxectoria hai desexos de difundila, que é unha forma de reforzar na esfera da sociedade civil o seu potencial de mellora de todo canto afecta á aprendizaxe e ao desenvolvemento de posibilidades para a cidadanía.

Como razoamento sintético, é suficiente para dicir que a Rede RIES e os sete grupos que a conforman na USC, a UDC e a UVigo, decidiron poñer mentes e mans á obra para renovar o INFORME, de cuxa última edición se cumpriu xa unha década. Por aquel entón, co patrocinio da Xunta de Galicia, recollíase e escrutábase o realizado desde 1989 a 2001. Agora, propoñémonos someter a exame “A Investigación Educativa en Galicia (2002-2014)”.

A ese efecto configuramos un gran Equipo de Investigación, cohesionado en torno a áreas de traballo e normas comúns de elaboración, grazas á xenerosa colaboración de especialistas nas parcelas sobre as que podemos representar a maior parte do saber pedagóxico.

A nosa intención é que a mediados de xullo deste mesmo 2015 podamos reunir todas as contribucións para a súa consistente integración e previsibles arranxos de edición, que proxectamos ter finalizada a finais de ano ou, como máximo, a principios de 2016.

Unha sociedade progresa se ten a sorte de contar con cidadáns que demandan respecto e apoio para a investigación. No caso da que nos é propia, tamén é de gran axuda a complicidade de profesores e outros profesionais da educación, ademais das familias. Sería un magnífico sinal que en Galicia se aproveitase máis o valor engadido que procuran varios centenares de mulleres e homes que fan investigación educativa a un nivel que admite comparacións.


Miguel Anxo Santos Rego - Coordinador da Rede RIES

 

Home