O GI Esculca, no marco do Proxecto UNINTEGRA, organiza a Xornada Unintegra: Guía para a integración de persoas refuxiadas, que terá lugar o vindeiro 29 de novembro na Aula Frei Martín Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida - USC). Para esta Xornada, contarase coa colaboración de profesionais do ámbito laboral, educativo e social de entidades galegas que traballan directamente coas persoas refuxiadas.
Alexandre Sotelino, do GI ESCULCA figura entre os once docentes galegos finalistas dos Premios Educa Abanca ao Mellor docente de España, na categoría de docencia universitaria, por segundo ano consecutivo.
Logo de procederse coa baremación de méritos, os premios serán entregados entre os días 27 e 29 de febreiro de 2020 en Santiago de Compostela.
En La Voz de Galicia recóllese a entrevista realizada recentemente ao profesor Sotelino onde describía as súas impresións sobre o seu oficio docente e o que supón a súa nominación para estes premios.
Dende a Rede RIES desexámoslle moita sorte.
A profesora María José Méndez, do grupo GEFIL e a investigadora predoutoral Alba Elena Martínez, do grupo TECNOEDUC, recibiron o terceiro premio na X Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
A proposta docente galardoada tiña como titulo “Introdución da perspectiva de xénero no estudo das adiccións”, e foi desenvolta na materia “Acción Socioeducativa nas Adiccións” do Grao en Educación Social.

De éxito, pode considerarse a celebración desta nova edición do Congreso Internacional Galicia/Norte de Portugal de Formación para o Traballo, reflectido de tal xeito que o aforo reservado para o evento no Centro Obra Social ABANCA en Santiago foi completado. Co-organizado polo GI GEFIL, tamén contaría coa participación e presentación de traballos doutros membros da RIES, como por exemplo do GI ESCULCA.
Do 3 ao 6 de setembro tivo lugar en Hamburgo (Alemaña) unha nova edición do ECER, congreso de prestixio organizado pola European Educational Research Association (https://eera-ecer.de/ecer-2019-hamburg), centrado no tópico “Education in an Era of Risk – the Role of Educational Research for the Future”.
